Xitanos e paios
Viernes 23 de mayo de 2008
Os xitanos están de actualidade estes días polos conflitos entre os veciños e as comunidades calós. A Coruña-Penamoa, Pontevedra-O Vao, Lugo-O Carqueixo; a ultima polémica foi pola adxudicación de pisos sociais a familias xitanas en Lugo. Os manifestantes paios repetiron que non eran racistas, pero rexeitaban os realoxamentos porque «despois empezarán os problemas coa droga, coma sempre»... Pouquiña cousa, pero semella talmente coma o ovo da serpente.
Afortunadamente, as cousas non chegaron aquí a unha situación tan conflitiva como en Italia, cos ataques a campamentos xitanos en Nápoles e Roma. Un deputado da extrema dereita, agora no poder, chegou a defender no Parlamento a comenencia de crear un «Estado para xitanos» no leste de Europa, e mandalos todos aló. Non estraña a reacción doutro deputado socialista dicindo que esa proposta xa a fixera Goebbels nos anos trinta; e que os nazis substituíron eses estados para xitanos e xudeus por fornos crematorios. A historia europea mostra que o racismo, a intolerancia e o odio étnico levan antes ou despois á catástrofe.
0 Comments:
Enviar um comentário
<< Home